25/07/12

A Comisión Xurídica do COI dá o visto e prace á fusión béisbol-sóftbol

A Comisión Xurídica do COI reunida en Londres deu o seu visto e prace á fusión das federacións de béisbol e sóftbol, que tentan con este movemento despexar o seu camiño de volta aos Xogos Olímpicos, dos que foron excluídas.
 
O alemán Thomas Bach, presidente da Comisión, expuxo hoxe á asemblea do COI que as Executivas das dúas federacións aprobaron a fusión, que agora deben referendar as súas respectivas asembleas. Se así o fan "haberá unha única federación, cun único presidente", precisou Bach.

Logo, para volver ao programa deportivo dos Xogos de 2020, esa nova federación deberá seguir o procedemento habitual: pedilo ao COI, someterse á consideración da Executiva deste organismo e, como último paso, ser aprobada pola asemblea olímpica na Sesión do próximo ano, en Buenos Aires.

O béisbol fixo a súa aparición nos Xogos en Barcelona'92 e o sóftbol en Atlanta'96, e ambos foron por última vez olímpicos en Pequín 2008. Por decisión do COI estarán fóra de Londres 2012 e de Río 2016. Se se aproba para 2020, terían a consideración dun único deporte con dúas disciplinas: o béisbol para os homes e o sóftbol para as mulleres.

Para os Xogos de 2020 porase en xogo unha praza no programa deportivo á que optan, ademais, kárate, patinaxe, squash, 'wakeboard', escalada, wushu e un dos que actualmente son olímpicos e que o COI desvelará o ano que vén. EFE

Ningún comentario: